O venres 6 de febreiro, os alumnos de 3ºESO B, interromperon a clase de Bioloxía para coller o bus que os levaría ao teatro Colón da Coruña. Asistimos á representación da obra "Balor na acción dunha cadeira", unha peza de teatro escrita por un ex alumno do colexio "Sada y sus Contornos", Roi Fernández.
A obra reconstrúe a dureza da viaxe , a chegada e o asentamento dos nosos emigrantes na sociedade americana dos anos 20: a lei seca, a difícil convivencia nos peiraos neoiorquinos entre as comunidades irlandesa e galega, o movemento obreiro, os contactos co mundo da cultura: a literatura, cine, música… todo se reconstrúe a partir dun anaco de fita cinematográfica xa balorecida polo paso do tempo, nese pequeno fragmento aparece unha nena bailando sobre unha cadeira.
Roi é o bisneto dun dos emigrantes sadenses. Isto foi o que o fixo investigar sobre a orixe da 'Sociedade de Sada y sus Contornos' da cal o seu bisabó era membro.
Impresionounos moito a posta en escena: fotografías que se proxectaban sobre o escenario á vez que os actores interpretaban, voz en off que nos explicaba e citaba textos … todo xunto conseguía facernos entender e visualizar a dureza do mundo que alí atoparon os nosos emigrantes.
Finalizada a obra, collemos o bus con mágoa, porque saír da sala do teatro Colón e entrar na última clase do día, Lingua galega e literatura, foi un gran contraste. Pero o obxectivo estaba cumprido: a peza teatral deunos a coñecer a historia da emigración sadense, a creación da fundación xa mencionada e a do colexio de Sada aos alumnos de terceiro de ESO.
Miguel Mosquera, alumno de 3º B