24 may. 2011

Charla de Xurxo Souto

Un éxito. Como non ía ser coñecendo a Xurxo Souto.



Xurxo Manuel Souto Eiroa, máis coñecido como Xurxo Souto, nado na Coruña o 25 de xullo de 1966, é un cantante, acordeonista, escritor, locutor e licenciado en filoloxía clásica.


O labor que o fixo máis popular foi o de líder e vocalista da banda de rock "Os Diplomáticos de Monte-Alto" entre 1990 e 2001, e por ser un gran difusor da música galega de agora e sempre. Outra das súas facetas a destacar foi a de escritor. Ademais de ter cinco libros publicados, ten colaborado con artigos en diferentes publicacións, como a revista Bravú.

Dende 1986 comezou a traballar en diversos programas de radio en galego, sendo o máis coñecido e lonxevo A tropa da tralla, ou na actualidade os programas Aberto por reformas e Mil ribeiras, na Radio Galega. Desde outubro de 2005 é o Director de Programas desta emisora.

En outubro de 2003 participou, xunto con Manuel Rivas, na reinauguración da emisora comunitaria Cuac FM (A Coruña), da que ambos se converteron en padriños e socios de honra.

Recentemente formou o grupo musical "Os 3 Trebóns", onde se encarga da voz e mais do acordeón.

Tamén traballou como actor en producións galegas como a serie de éxito Mareas vivas ou o telefilme Entre bateas, de Jorge Coira.

14 may. 2011

Lois Pereiro no noso insti

O Día das Letras Galegas deste ano 2011 está adicado ao poeta monfortino Lois Pereiro. O Equipo de Dinamización Lingüística do IES Isaac Díaz Pardo promoveu entre o alumnado a elaboración duns murais en conmemoración desta data.

Lois Pereiro 2011

Luis Ángel Sánchez Pereiro, máis coñecido como Lois Pereiro, nado en Monforte de Lemos o 16 de febreiro de 1958 e finado na Coruña o 24 de maio de 1996, foi un escritor e poeta galego. No ano 2011 dedícaselle o Día das Letras Galegas.
Naceu en Monforte de Lemos, de familia procedente do Incio. Estudou no colexio dos Escolapios, e comezou a escribir con 15 anos. Tras rematar o COU marchou a Madrid, onde comezou Ciencias Políticas e Socioloxía. Logo dunha estancia en Monforte traballando na empresa familiar, adicada ao vidro, regresou a Madrid para estudar lingua inglesa, francesa e alemá. Alí fundou a revista Loia xunto a Antón Patiño, Manuel Rivas e o seu irmán Xosé Manuel Pereiro.
Cara a 1981 marcha a vivir á Coruña, onde se une á revista La Naval. Neste periodo entrou en contacto cun grupo de poetas entre os que figuraban Xavier Seoane, Francisco Salinas Portugal ou Xulio Valcárcel, participando en varias antoloxías coma De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985), e colaborando en revistas como La Naval, Trilateral, Anima+l e Luzes de Galiza. Esta última publicaría en 1997 os oito capítulos da novela corta Náufragos do Paradiso.
En 1983 e 1987 viaxou canda Fernando Saco por Europa. Traballou como tradutor do alemán, francés e inglés de dobraxe de cinema e, sobre todo, de televisión (episodios de Dallas e Kung Fu)
Publicou dous poemarios en vida, Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía última de amor e enfermidade (1995). No 1996, ano da súa morte, saíu á luz Poemas para unha Loia, que recolle obras da época madrileña, publicadas na revista Loia, e que inclúe o ensaio Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, publicado no nº 27 de Luzes de Galiza.
Canto das causas da morte de Pereiro, malia estar daquela enfermo de SIDA, foron un cúmulo de doenzas que remataron cunha insuficiencia hepática. Oficialmente e segundo unha sentenza da Audiencia Provincial de Lugo, logo dun preito para que o Estado pagase o enterro, o motivo do seu pasamento foi unha intoxicación por aceite de colza desnaturalizado.
Nos últimos anos, víñase reivindicando a dedicación do día das Letras Galegas a este poeta monfortino. No marco desa campaña sitúase unha reedición da súa obra poética verquida ó castelán, catalán e vasco, xunto cos textos orixinais en galego .
Finalmente, o 26 de xuño de 2010 a RAG publicou a súa decisión de adicarlle o Día das Letras Galegas do 2011. A Academia apreciou:
"Evidentes pegadas expresionistas, referencias á literatura xermánica e certos trazos de contracultura [...] unha imaxe e unha estética que fixeron del un autor de culto. Cartografou coma ninguén o labirinto do mundo contemporáneo conciliando para tal fin o individualismo escéptico coa tradición demoledora do expresionismo centroeuropeo."
En palabras do escritor e membro da RAG Manuel Rivas:
"Adicarlle a Lois o Día das Letras 2011 foi unha decisión valente da Academia, porque é un autor de culto, pero en canto se difunda a súa obra será un autor moi popular"..

CORRELINGUA 2011

O noso centro participou un ano máis no Correlingua 2011. Os alumnos de 3º ESO A elaboraron esta preciosa pancarta coa que percorremos a cidade de A Coruña. Podedes ver estas fotos nas que estades guapísimos.
Películas